OS MAIOS:

Chega o mes de maio! Imos coñecer algo máis desta festa popular de orixes ancestrais...


 1.- Definición e historia:

A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maio adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo. A celebración das festas de maio é común en moitos países de Europa, onde existen variantes similares da mesma festividade.

As orixes da festa remóntanse ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta. A festividade celta de Beltane marcaba o inicio do verán pastoral cando os rabaños de gando eran levados cara aos pastos de verán e as terras de pasto das montañas. Unha das principais actividades da festividade consistía en acender fachos nas montañas e outeiros con rituais e significados políticos. A tradición estivo presente en Roma, entre o culto a multitude de deuses. Finalmente, o cristianismo asimilou estas festas pagás e moitas delas pasaron a ser festas en honra á Virxe María. 


2.- En que consiste. 


A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada "maio". Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de "Maios" ), ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus. Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás, substituído hoxe por diñeiro.

É costume facer competicións, premiando as mellores esculturas e as mellores cantigas. Esta celebración ten sona en lugares coma Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Ourense ou Redondela. 

 

3.- Tipoloxía:

As figuras que protagonizaban a festa, Os Maios, permiten clasificalos en:

- Maios figurados: unha figura en forma de cono -modelo máis tradicional- ou de calquera outra forma (maios artísticos). Dentro deste grupo incluiríase a árbore de maio.


Están formados por unha armazón ou esqueleto de paus ou táboas de forma cónica ou piramidal, recuberto de tea metálica ou arpillera, que se cobre de mofo, fiúncho ou herba. A armazón constrúese sobre unha plataforma que, a modo de padiola, permitía transporta-lo maio polas rúas do lugar.

Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos, como materiais máis habituais. O cumio remátase (coróase) cunha cruz. Hoxe, a imaxinación popular tamén constrúe maios coas figuras máis variadas: pontes, hórreos, cruceiros, casas, animais, figuras humanas etc. En localidades costeiras, como Marín, fanse tamén con forma de barco.

*Probablemente estea relacionado con estas festas da árbore o costume de colocar pólas de xesta (tamén chamada, por esta razón, maios) nas portas da casa e da corte, nas ventás, carros, leiras e barcas, e actualmente nos coches, na tarde-noite do último día de abril, para que o mes de maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades. Outros etnógrafos relacionan isto co ritual de alumea-las leiras na noite do 30 ou 29 de abril, coa fin de protexer os campos e comezar maio libres de calquera mal.


- Maios humanos: unha persoa -neno ou adulto- cuberto de pólas, follas, flores etc.

    Os maios humanos podían ser individuais: un mozo ou moza, ás veces disfrazados, adornados con flores, follas ou pólas e cunha coroa de flores. Cando se trataba dunha nena, a maia, ía vestida de branco, con ás e coroas de flores. Noutros lugares eran grupos de xente vestidos do mesmo xeito, e que cantaban e danzaban arredor do maio. Este tipo de maios moi habituais hai un cento de anos foron esmorecendo pouco a pouco até chegar case á desaparición. Son coñecidos os maios humanos de Portomarín ou os de Viveiro. Tamén en Vilafranca do Bierzo, localidade berciana de cultura galega (os maios cántanse no galego oriental propio da zona) é un dos poucos lugares onde se manteñen vivos esta tipoloxía de maios.


4. – Cantigas e coplas:

4.1.TIPOS DE CANTIGAS:

Había dous tipos de cantigas para cantar ó redor dos maios:

a) Composicións tradicionais, que se aprenden e repiten ano tras ano. Son raras (só sobreviven en Portomarín e Lourenzá).

b) Textos que se escribían para cada ano (máis habituais), recollendo feitos actuais e, cada vez máis, críticas políticas, como esta que lle dedicaron ó gobernador civil de Pontevedra en 1923: 

Nin é alto, nin é baixo,

nin é malo, nin é bo,

parece un reló parado

dentro da Deputación.

 

4.2. CARACTERÍSTICAS DAS COPLAS:

-           As coplas dos Maios, son composicións poéticas con estrofas de 4 versos de 6 sílabas nas que riman os versos pares.

-           Pódense cantar a capella - Por unha ou varias voces ou acompañadas de diversos instrumentos (como paus).

-           Teñen ritmo cuaternario (compás de 4/4).

 

Levántate Maio

que tanto durmiches,

Pasou o inverno

e non o sentiches!

 

4.3. EXEMPLOS:

-       COPLAS QUE PEDÍAN LICENCIA PARA CANTAR O MAIO:

 A canta-lo Maio

 señores acá vimos

 e para cantalo

 licencia pedimos

 


-       COPLAS PARA PEDIR CASTAÑAS, NOCES, MAIOLAS...:

 Tire castañas

 señora Manuela,

 tire castañas

 que as trae na barrela.

 Tire castañas

 señor Antón,

 tire castañas

 que as ten no balcón

 

 Non demore moito 

 da hucha do pan,

 bote maiolas 

 señor capitán.

 Diñeiro vimos pedir

 desde abril,

 castañas vimos buscar

 desde nadal”

“ Bote maiolas

 o seu donativo;

 si non ten maiolas

 hai noces ou figos

 

-       COPLAS QUE AMOSABAN OS ROUBOS QUE REALIZABA O MAIO:

 Aí vén o maio,

 por enriba da silveiras,

 aí vén o maio

 de roubar ás costureiras.

 Aí vén o maio 

 por enriba dos tellados

 ........................................

Para facer este maio

 tivemos que ir mangar

 fiuncho e mailas flores

 para podelo adubiar

 ......................................

O maíño maio

é moi pillabán,

quere que lle déan

os cartos na man.

 

Para facer éste maio

tivemos que ir a roubar

flores e fiuncho

á horta de don Blás.

 

Veu don Blás

cunha escopeta,

pegounos un tiro,

furounos a chaqueta.

 

Logo fumos

á de Corbatilla,

veu detrás de nós

cunha zapatilla.

 

-       CANTIGAS PROPICIATORIAS PARA A COLLEITA (NA DERRADEIRA NOITE DE ABRIL, CON FACHOS):

Lume, lume 

Ve o pan 

Deus che dea moito gran, 

Cada gran coma un bogallo 

Cada pan como un carballo. 

 

Lume e pan 

Lume e pan 

Cada espiga 

Seu bo pan 

 

-       COPLAS AMOROSAS:

Coas estreliñas do ceo

téñote de comparare

e coas frores de maio

cando están a brotare


-       COPLAS DE DESPEDIDA: 

 Perdonen ustedes señores

 polo maio mal cantado,

 que comeu caldo de uvas

 e quedou acatarrado


5. Fontes:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Festa_dos_maios

https://galiciaencantada.com/archivos/docs/CICLO%20DO%20MAIO.%20PROVINCIA%20DE%20LUGO.pdf

 https://atabernadagrela.jimdo.com



 

Comentarios