Benvid@s!

Comezamos unha nova andaina neste espazo aberto a toda a Comunidade Educativa. Compartiremos novas, coñecementos, reflexións, creacións literarias, … en tódolos formatos escritos e audiovisuais.

Ademais, este Curso 2020-2021 poñemos en marcha un novo proxecto denominado: Lingua: Tradición e Cultura, que nos sirve para amosar e recompilar traballos relacionados co mundo da Cultura, das Artes e da Tradición, tendo como punto de partida o noso idioma. Centrado na contorna, no entanto, sempre aberto á realidade galega no máis amplo senso.

Abordaremos o proxecto de formas diversas. Contamos con catro seccións temáticas, pero o Equipo de Dinamización anda cavilando noutras (a cabesiña non para!) e … tamén agardamos novas ideas! Para poñerlle nome a estas seccións ou apartados, inspirámonos no léxico e fraseoloxía mariños. É a nosa homenaxe ao mar, esencial na nosa idiosincrasia. Velaquí as seccións:

1. O compás:

“Aparello consistente nunha superficie circular onde están representados os puntos cardinais, cunha agulla imantada que indica a dirección norte”

É o nome escollido para o apartado das Datas Sinaladas, no que coñeceremos mellor as orixes, motivacións e características das conmemoracións do Calendario Escolar e os nosos festexos.

2. Salseiros:

“Pingas de auga moi miúdas ou escuma que producen as ondas do mar ao bater contra as rochas ou contra unha embarcación”.

Identificamos de xeito figurado este termo cos pensamentos e reflexións que queremos compartir. Eles son os salseiros que voltan no noso corpo despois dunha viaxe polo mar.

3. Barlovento:

“Lado de onde vén o vento”

O barlovento fai referencia, no noso maxín, ás creacións artísticas (Música, Debuxo, Literatura, Fotografía, Cinema, …), que enriquecen a Cultura do pobo.

4. Na mallante: 

“(mallante) Liña que se forma na beira da praia por acumulación de algas, ramas ou outros residuos do mar, e sinala o punto ata onde subiu a marea”.

Esta imaxe sérvenos para falar de todo o que teña que ver coa nosa Historia, Tradición e Cultura. O que o tempo nos foi deixando.

Contamos coa canle de YouTube “Imos á seca na Basella”, na que organizados pola nosa compañeira Inés, participou o curso pasado un valente grupo de alumnos/as de 1ºESO.  Será un instrumento para transmitir información de calquera das nosas seccións.

Comentarios