SALSEIROS

ESTREA- REFLEXIÓNS SOBRE O CONFINAMENTO (DESDE O 12 DE MARZO ATA FINAL DE CURSO)

Introdución:

Abrimos o espazo Salseiros referíndonos ás reflexións feitas por escrito a comezo de curso polo alumnado de 4ºESO e 1ºBAC sobre o tempo de confinamento. É probable que te sintas identificado/a con algunas das cuestións que quedaron reflectidas en ditas redaccións. Imos comentalas en conxunto e despois deixaremos testemuños concretos compartidos xenerosamente por un grupo de alumnos/as.

Cuestións negativas:

Por unha banda o alumnado falou das cuestións que puxeron a proba a nosa resiliencia desde o inicio: medo pola incertidume, rutina e aburrimento no día a día, sensación de illamento, tensión ou discusión entre convivintes, tristura pola falta de contacto con familiares e amigos, trastornos do sono, horarios caóticos, … E xa no período de desconfinamento sinalouse o medo a saír á rúa ou mesmo a estar en espazos abertos con moita xente. A incomodidade de levar a máscara e a falta de contacto físico tamén foron cuestión subliñadas.

Cuestións positivas:

Por outra banda, todo o alumnado soubo atopar cousas positivas nesta etapa. Valorouse ter máis tempo para un/a mesmo/a e tamén para aprender a entenderse e convivir coa familia, mellorouse a hixiene na sociedade, aprendéronse novas actividades e perfeccionáronse destrezas que xa se tiñan. Aquí deixamos algunas das múltiples actividades que se nomearon: cociñar, facer manualidades, practicar exercicio físico na casa (mesmo “Aprender a correr un quilómetro dentro dun piso” (¡!)), ocuparse do xardín, arranxar partes da casa, practicar carpintería, bordar, coidar das mascotas, tocar instrumentos (piano, guitarra, ukelele, …), bailar e inventar coreografías, ter máis soltura nas redes sociais, estudar idiomas (mesmo coreano!), editar vídeos, perfeccionar a fotografía ou o debuxo, falar de política, dedicar máis tempo á lectura,… Marabilloso!!!

Traballo escolar online:

Respecto ao traballo escolar online, as percepcións foron dispares. Houbo xente que o levou con máis estrés que outra. Porén, coincídese na opinión de que quizáis sería mellor empregar a mesma canle para tódalas asignaturas, e houbo unanimidade ao declarar que se botaron de menos as explicacións do profesorado.

Subliñouse en moitos dos escritos que a falta de contacto coa xente foi do máis complicado de soportar.

Salientamos finalmente que, por unanimidade, o alumnado considerou este período como un tempo para reflexionar e valorar máis as pequeñas cousas cotiás.

De seguido transcribimos unha mostra deses traballos de reflexión (textos de alumnos/as de 4ºESO e 1ºBAC) cos que seguro que nos podemos identificar. Moitas grazas a el@s por compartir estas redaccións!:








O meu confinamento

“Ao principio foi algo novo para min, quedarme en casa sen poder saír. Estabamos encerrados en contra da nosa vontade.

Despois duns días empezaron cos deberes…ao acumularse fixen un horario. Espertaba ás 09:30 e ía durmir as 23:30h.

Cando pasaron unhas semanas empecéi a acostumarme, aínda que as miñas ganas de saír aumentaban. Estaba demasiado aborrecido: precisaba ir fóra, ver a miña moza, aos meus familiares e amigos... O peor é que todo iso pintaba ser por moito tempo. Mentres os días pasaban, os deberes chegaban e o aborrecemento medraba. Ata que os medios empezaron a falar sobre o desconfinamento e tódalas súas fases. Semellaba que as cousas voltaban á normalidade. Comezaron por deixar ir correr e andar, aínda que sempre con distanciamento; os comercios abriron pero con moitas limitacións.

No verán fomos á praia… foi un auténtico alivio! Despois de tres longos meses pechados en casa, xe podiamos saír!”

Alejandro 4ºESO B

 

            Os primeiros días eu aínda estaba na fase de pensar que en dúas semanas todo volvería á normalidade, pero a medida que ía pasando o tempo, polo que lía e vía nas noticias entendín que isto ía para longo. Empecei a facer videochamadas e a falar tódolos días cos meus amigos. Para min foi un gran cambio pasar de estar a todas horas xuntos a velos a través dunha pantalla. Sentía que me faltaba algo moi importante. A relación con meus pais se antes xa era boa despois de pasar ese tempo xuntos foi moito mellor, pasaba a maior parte do día con eles, pero entendían perfectamente que ás veces necesitara o meu espazo.

No traballo de clase tiven altibaixos: ao principio costoume moito adaptarme, pero despois, ao crear unha rutina, resultoume moito máis doado. Cando empezou o desconfinamento non quería saír, tiña medo a contaxiarme. De feito non saía máis dunha hora ao día porque prefería estar na casa.

Finalmente, pareceume que, aínda que isto trouxera moitas desgrazas, veunos ben noutros aspectos e, por outra parte, aprendemos un montón. Será algo que nunca se nos vai esquecer”.

            Saskia 4ºESO B

 

“Ao empezar a corentena, pensei que ían ser coma unhas vacacións e que, ao xuntarse coa Semana Santa, ía sacar as mesmas notas que na 1ª Avaliación sen facer nada, polo cal despois desfrutaría da Semana Santa. Ao cabo dos días, xa empecei a decatarme de que ían ser bastantes días máis ca os 15 previstos, pero nese momento aínda o ía levando ben xa que só pasara unha semana e coa Play Station estaba entretido. Un mes despois, xa me empecei a cansar de xogar á Play, de ver Netflix, de estar co móbil, de mirar vídeos en YouTube... de facer sempre o mesmo, sempre a mesma rutina. Eu acostumo a aburrirme rápido de tódalas cousas, polo que chegou un punto no cal tiven moito estrés, de maneira que me quedaba mirando o teito sen facer nada e sen saber que facer; excepto cando estaba xogando ao fútbol no xardín. Entón, desde aí ata que rematou o confinamento, foi o treito máis duro”.

Víctor 4ºESO B

 

“Ao principio sentinme estrañado xa que me costaba moito entender a situación pola cal estábamos pasando. Despois empecei a adaptarme e acostumeime ao confinamento, xa que, ao compaxinar o traballo de casa co de clase, os días ían pasando bastante rápido.

Cando comezou o desconfinamento empecei a saír á rúa aínda que me custou moito xa que non estaba afeito a saír da casa. Finalmente, adapteime e a situación mellorou, xa que podía ir a distintos sitios e tamén estar cos meus familiares e amigos”.

Joel J. 4ºESO A

 

“Os primeiros días estaba relaxada, eran unas vacacións para min. A medida que os profes nos bombardeaban o correo con traballos e deberes sobre temas ás veces pouco explicados, empeorín moitísimo. Estaba triste continuamente, e ademáis madrugando bastante para poder ter parte da tarde libre para descansar e realizar actividades que me fixesen feliz. Sendo sincera, a partir dos case 40 días empecei a despreocuparme do curso. Sempre me esforcei moito cando tiñamos clases presenciais, pero agora, entregando todas as tarefas que me mandaban só podería subir a niña nota ata un punto; en resumidas contas: non me compensaba estar triste traballando sobre cousas peor explicadas para que só me subirán un punto. Esgotábame mentalmente esta situación. Así que o tempo que non investía en facer deberes empregueino en aprender otras cousas: aprendín a tocar o ukelele, experimentei fotografía na casa, mellorei o meu xeito de debuxar e centreime en min mesma”.

Laura G. V. 1ºBAC B

 


Comentarios